"OVAY", o novo espectáculo de Quique Peón Cía, con música de Xose Lois Romero e Suso Vaamonde, é o primeiro só de danza galega, un equilibrio maduro entre a innovación e a tradición que sae publicado por Falcatruada en formato DVD-book, acompañado cun CD coa banda sonora do espectáculo.
OVAY dinlle os canteiros ao ousado que encara o perigo sen vacilar, ao que reclama orgulloso o que é seu e dos seus. É a valentía de enfrontarse á propia evolución, de reivindicar a identidade cultural renovada, de procurar un equilibrio maduro entre o enxebre e o depurado, entre a forza e o sosego, entre o urbano e o tradicional, entre o masculino e o feminino.
OVAY quere amosar a forma de expresión masculina e feminina empregando un amplísimo abano de movementos tradicionais galegos que evolucionan ata chegar aos nosos días. Para isto mestúranse as frases tradicionais no marco da danza contemporánea, tentando non perder o esencial, o cerne do noso espírito, a nosa expresividade e sentimentalidade. A obra vai máis aló do virtuosismo do bailarín: amósanos o seu interior, fusionando os instrumentos, o canto e o teatro co mesmo baile, e tentando que o espectador recoñeza e redescubra, a un tempo, o seu.
|